O Códice Calixtino

english  |  galego

María X. Rodríguez Valcárcel

O Códice Calixtino

O Codex Calixtinus ou Códice Calixtino que se conserva no arquivo da catedral de Santiago de Compostela é un manuscrito iluminado en letra carolinxia de mediados do século XII escrito en latín. Trátase dunha especie de guía para os peregrinos que realizaban o Camiño de Santiago con consellos, descricións da ruta, das obras de arte que existían e dos costumes cos que se ían atopando. Ten tamén sermóns, milagres e textos litúrxicos relacionados co apóstolo. Aínda que ás veces aparece denominado como Liber Sancti Iacobi, convén distinguir entre ambos conceptos. O Liber Sancti Iacobi representa o contido do libro, do cal xurdiron varios manuscritos, o máis notable dos cales é o Codex Calixtinus custodiado no templo mencionado.

O Codex Calixtinus consta de cinco libros e dous apéndices cun total de 225 folios de pergamiño escritos nas dúas caras cun tamaño de 295 x 214 mm. Agás excepcións, o texto é sempre a unha columna con 34 liñas por páxina. O primeiro libro é de carácter litúrxico, o segundo haxiográfico, o terceiro e cuarto de natureza histórica e o quinto, que gozou de maior popularidade, é unha especie de Guía para o peregrino que presenta os lugares que deben visitarse ao longo da ruta e advirte os viaxeiros dos perigos cos que se poden atopar no camiño. Tamén describe a cidade de Santiago e a catedral con detalle.

No ano 2010 Xosé López Díaz presentou a primeira tradución íntegra da obra ó galego, que tamén conta con traducións ao castelán (1951), ao francés (2003) e ao italiano (2008), amais de traducións de textos parciais a outros idiomas como o inglés.

No texto que transcribimos de seguido o Papa Calixto advirte aos peregrinos da mala fe que presentan cara a eles algunhas das persoas coas que poden atoparse: comerciantes, pousadeiros, criadas, comerciantes, etc.

Sermón do Papa Calixto contra os comerciantes, pousadeiros e demais aproveitados da boa fe dos peregrinos que veñen a Compostela a mediados do século XII (escolma)

E que queredes que vos diga dos malos pousadeiros que con tantas fraudes enganan os peregrinos? Condénanse os que nas pousadas do Camiño de Santiago violentan os peregrinos cun sinfín de enganos. Algúns sáenlles ás entradas das vilas e abrázanos coma se fosen parentes deles que veñen de lonxes terras. E que máis lles fan? Lévanos para a casa e prométenlles toda clase de bens, pero fanlles toda clase de males. A quen se parecen, senón, a Xudas que entregou o seu Señor por un beixo? Danlles a probar un viño bo e se poden véndenlles outro máis ruín. Hainos que lles dan sidra por viño, e outros que viño de matute no canto de viño bo. Hainos que lles dan peixe ou carne cocidos de dous ou tres días, e así enferman os peregrinos. Hainos que lles mostran unha medida grande e despois, se poden, mídenlles coa pequena. Tamén hai aqueloutro que ten medidas falsas para o viño e a avea, moi grandes por fóra, pero pequenas e estreitas por dentro, é dicir, mal escavadas, das que o pobo chama macizas (...)
E hai aquel que ó saca-lo viño do pipo, se pode, engade auga no vaso ás agachadas. Hainos que lles prometen boa cama e déitanos nunha incómoda. E hainos que, cando veñen peregrinos novos, botan fóra os que tiñan na casa despois de lles cobraren (...). O mal pousadeiro dálles bo viño ós seus hóspedes para ver se os pode emborrachar e despois que estean durmindo, roubárlle-la bolsa ou, como din os francos, o gorlo. O mal pousadeiro mátaos cos seus bebedizos velenosos para se poder quedar cos seus despoxos. Tamén han de ir ó inicuo suplicio os que fan no mesmo pipo dous departamentos e nun meten viño bo e noutro malo e cando llelo dan a probar sacan do bo pero para o xantar sacan pola billa do malo (...)
Condénanse completamente as criadas das pousadas do Camiño de Santiago que, con fins deshonestos e lucrativos, instigadas polo demo, se meten de noite na cama dun peregrino calquera. As meretrices que por esta mesma causa adoitan saírlles ós peregrinos entre Portomarín e Palas, en lugares de souto, teñen non só que ser excomungadas senón que hai que confiscárlle-los bens e avergoñalas cortándolle-lo nariz. Cando un vai só, preséntase unha soa (...)
Os que andan de peregrinos téñense que coidar ben de certos ladróns chamados vulgarmente cinnadores (timadores), que saen constantemente ós camiños. Uns danlles no cambio moeda falsa, outros róubanos no cambio, outros fan coma que lles venden correas, faixas, cintos, guantes ou cera, e que llelos dan a pouco prezo. E mentres un deles lle mostra a mercancía, vai o peregrino e dalle as moedas e o ladrón gárdaas na manga e vólvelle outras falsas no canto das boas. Outro tira no camiño unha onza de ouro falsa segundo pasan os peregrinos e báixase por ela coma quen que a encontra para apañala á vista deles; e como os peregrinos case encontraron a onza canda el, queren ter parte nela tamén; pero o pícaro do ladrón, facéndose pobre con eles, véndelle-la súa parte cara, por catro ou cinco soldos de ouro lexítimo, sabendo que aquela onza non valía nin unha agulla (...)
Volvendo ó caso, que queredes que vos diga das mulleres que fan cirios para vender e lles meten tanto fío na mecha, que logo non queren arder nin na misa nin nas leccións? E que queredes que vos diga daquelas que, cando veñen as multitudes de peregrinos, na sazón máis forte, venden máis caros o pan, o viño, a avea, o froito, o queixo, a carne e as aves?. Toda clase de fraude e de iniquidade abundan nos camiños dos santuarios.
E que vos vou dicir dos falsos banqueiros que en vulgar chamamos cambiadores? Se doce moedas de peregrino valen por dezaseis do cambiador ( e este quere adquirirllas) non lle dará o cambiador, encirrado polo malvado pousadeiro do propio peregrino, senón trece ou catorce a cambio. Se valen vinte, só dezaseis ou menos lle dará, se pode. Pola contra, se doce moedas do cambiador valen por dezaseis do peregrino, pediralle a cambio non as dezaseis senón as vinte. Se valen trece halle pedir dezaseis. Se unha marca de prata pura vale trinta soldos, o cambiador non lle dará por ela senón vinte. O cambiador arteiro ten pesas distintas, grandes e pequenas. Compra a prata pola balanza que require maior peso e tamaño e véndea pola que require menor peso e cantidade. Chufa o seu ouro, a súa prata e as súas xoias e despreza as dos outros. Compra caro e vende barato. Se pode, engana os outros, pero el gárdase ben diso (...)
E que queredes que vos diga dos comerciantes trampeiros? Hainos que compran os panos pola vara longa e véndenos pola pequena; outros gardan o pano tanto tempo, que podrece, e aínda así véndeno por bo; outros véndenlles máis caro ós peregrinos cós veciños, as correas, as peles de bichos bravos, os cintos e os guantes e canto teñen para vender; outros fan xuramentos en falso con frecuencia por cousa de nada, e por iso condénanse; outros estiran violentamente coas mans os panos novos que teñen para vender para que parezan máis longos e largos; outros venden as correas de ovella, ou de porco ou de cabalo, coma se fose de cervo; tamén lles venden fraudulentamente ós ignorantes cintos, bolsos, calzóns de porco ou de ovella, coma se fose de cervo.
Que pícara é a avaricia! Mesmo hai quen manda os seus servos especializarse na trampa a Puy, á cidade de Saint Gilles, a Tours, a Piacenza, a Luca, a Roma, a Bari e a Barletta, pois nestas cidades está a máis grande escola de fraude.
Ai de vosoutros, falsos pousadeiros, enganosos cambiadores e malvados comerciantes, convertédevos ó Señor voso Deus; pospoñede as vosas maldades; largade a vosa avaricia, desterrade os vosos malvados enganos. Que diréde-lo día do xuízo, cando vexades a todos aqueles que enganastes acusándovos diante de Deus?

Codex Calixtinus , Libro I.

(Transcrito a partir de Villares, R. A historia, Galaxia, Vigo, 1984, páxinas 237-240)
 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer