Entrevista ao Responsable do Albergue de Peregrinos de Lugo

english  |  galego

Image
   
Fachada do albergue lucense

   

Entrevista

No mes de marzo tres alumnas de 4º de ESA (Mónica Neira, Verónica Moldes e Noelia Sangiao) realizaron unha entrevista ao responsable do albergue de peregrinos da nosa cidade, Jose Antonio Otero.

As preguntas formuladas ían dirixidas a coñecer o perfil máis frecuente dos peregrinos que visitan a nosa cidade e as instalacións e servizos que se lles brindan.

1. Desde cando traballa no albergue? Preguntámosllo, porque imaxinamos que houbo cambios importantes nos últimos anos.

Traballo no albergue desde o 1 de outubro de 2002, ano no que vin para Lugo. Os cambios máis importantes teñen que ver coa ampliación de persoal que se levou a cabo.
Cando eu cheguei para aquí non había nada; así que me dediquei a investigar sobre o camiño e tamén a dalo a coñecer; por exemplo, vou a Bonxe todos os anos para dar unha charla aos internos.

2. Pode indicarnos cando se produce a maior afluencia de peregrinos?

A maior afluencia de peregrinos dáse no verán, entre finais de abril e outubro, e tamén nos anos xacobeos, aínda que nestes podemos dicir que hai máis turismo en si que peregrinaxe.

3. Cal é a procedencia dos mesmos?

En canto á procedencia, o 50% son españois (principalmente chegados de Cataluña, Valencia e Madrid) e o outro 50%, estranxeiros, en especial franceses e alemáns.

4. Que tipo de peregrino é o máis frecuente?

Predominan os homes, aproximadamente o 65% ou 70% dos que nos visitan, e a idade media preponderante estaría comprendida entre os 35 e os 50 anos. Concretamente, no ano 2010, de 5664 peregrinos, 3739 eran homes e 1925, mulleres. A maioría fixeron o camiño a pé (94,7%) e o resto en bicicleta.
O número de peregrinos que visitou a cidade é moi superior a este, podemos falar de arredor de 12.000 durante o 2010. Cando non temos prazas desviamos as persoas cara a polideportivos ou hoteis.

6. Como realizan habitualmente o Camiño: en familia, con amigos, sós?

Non adoita facerse en familia e os que o fan non paran en albergues. Os grupos numerosos, formados por 20 ou 30 membros, non utilizan os albergues, senón os polideportivos ou outras instalacións.

7. Coméntanlle os peregrinos as motivacións que os levaron a facer o Camiño?

De vez en cando si mas comentan, pero depende das persoas, hainos máis comunicativos e menos. As maioritarias son coñecer Galicia, motivacións gastronómicas e, en moita menor medida, motivos de fe. O camiño vese ás veces como unhas vacacións alternativas baratas.
Vin xente aquí que pensei que nunca faría o camiño. Xeralmente veñen con promesas que realizaron cando tiveron un familiar enfermo. Lembro un asturiano que viña cos pés desfeitos porque saíu directamente da mina e púxose a facelo. Prometéralle a súa nai que se saía do quirófano facía o camiño e, en canto soubo que ela estaba ben, botouse a andar.

8. En Lugo temos varios monumentos históricos importantes. Os peregrinos traen información sobre a cidade ou pídenlla a vostede?

A maioría dos peregrinos que nos visitan quedan asombrados ao ver a cidade, porque a verdade é que Lugo non se vende fóra. Nós facémoslles un regalo de 1700 anos de historia, ofrecéndolles un paseo pola muralla. Explicámoslles os principais puntos de interese, comezando pola muralla e seguindo pola catedral (a única onde o Santísimo está exposto os 365 días do ano desde o século XV) e finalizando nos dous Centros de Interpretación (o da muralla e o do camiño). Logo, por suposto, recomendámoslles degustar os viños e as tapas de Lugo.

9. De todos os peregrinos que pasaron polo albergue, haberá algún que non esquecerá por algún motivo. Pode contarnos algunha anécdota ao respecto?

Gardo contacto con varios. Lembro agora un que se chamaba J. A. G. D., viña de Praga coas dúas costelas rotas e eu axudeille un pouco. Aos cinco días de que estivese no albergue vino na televisión e saudoume desde a pantalla. Un ano despois volveu para convidarme a unha paella que me prometera.
Tamén ás veces facemos un pouco de psicólogos, especialmente no inverno. Lembro un chaval de Donosti que viña con problemas e ao final fixémonos amigos.
Tamén hai outro peregrino, que está a tratamento psicolóxico, que vén todos os anos. A este lémbrolle que ten que tomar a medicación.

10. Que camiños pasan por Lugo?

En realidade actualmente só entra en Lugo o Camiño Primitivo. Antigamente puido haber un enlace do Camiño Norte. Pola súa banda, o Camiño Francés tivo unha variante antiga que entraba por San Roque e Porta San Pedro ou Toledana, que se chamaba así porque era a última que se pechaba na cidade.

11. Hai cidades nas que a localización do albergue presenta dificultades. No caso de Lugo, o albergue está ben localizado?

Os peregrinos non teñen ningún problema para localizar o albergue, entran por Castelo, a Chanca, o Carril das Flores e Porta San Pedro.

12. Que tipo de servizos ofertan aos peregrinos?  

Image
Imaxe dun dos dormitorios do albergue de Lugo

Ofrecemos cama e unha ducha de auga quente e roupa de cama de usar e tirar. Antes había menaxe de cociña e mantas pero houbo que retiralas.
En calquera lugar público, establécense unhas normas de convivencia . Nun lugar coma este no que a heteroxeneidade é a característica máis destacada, teñen algunha norma específica? como as dan a coñecer? son ben aceptadas polos peregrinos? Cales son os horarios de entrada e saída?
As normas son simples, e resúmense en que ten que prevalecer o respecto; exemplos: recoller a mesa de comer, limpar a cociña cando se usa …
As normas están postas na porta; o que peor aceptan son as referidas ao horario porque non lles gusta que de noite haxa horario de peche.
O maior número de persoas entran entre as 13.00 e as 14.30 e a saída é ás 8.00 da mañá, aínda que xeralmente saen entre as 5.00 e as 6.00 para coller praza no seguinte albergue e andar pola fresca. Hai que pensar que lles queda un tramo de 20 ou 35 quilómetros, segundo se dirixan a S. Román da Retorta ou a Hospital.
Temos corenta e dúas prazas, vinte en cada planta e dúas reservadas a minusválidos.
Tamén hai normas referidas á orde de entrada: en primeiro lugar, os que fan o camiño primitivo e veñen andando; logo, os ciclistas que fan este mesmo camiño. Os que non pertencen a ningún destes grupos deben agardar ata as 8 da noite para ver se teñen praza. As prazas de minusválidos, cando non se cobren, adoitamos permitir que as ocupen os dous peregrinos de maior idade que estean no albergue.

13. Cales son os problemas máis frecuentes cos que se atopa?

O que vos acabo de comentar, os horarios. Antes, cando viñan con lesións, faciámoslles as curas, pero agora non podemos e mandámolos ao centro de saúde..
Non adoita haber roubos, de feito só ocorreu unha vez na que un roubou a todos os outros. Os problemas de mala educación son tamén os mínimos.
Polo que se refire aos problemas de idioma, os que máis presentan son os franceses, que nunca cambian de lingua. En cambio, os alemáns e os ingleses sempre tentan falarche para facerse entender.

14. Supoñemos que a relación cos peregrinos dependerá do tempo da súa estancia. Canto tempo están normalmente? Hai algunha norma que fixe o tempo no que poden permanecer no albergue?

Nos albergues só poden permanecer unha noite e unha a maiores no caso de enfermidade ou lesión xustificada. Neste último caso deben descansar.
É necesario tomar este tipo de medidas para ter prazas para o maior número posible de demandantes.

15. Cando chegamos a un hotel, cubrimos uns documentos. Os peregrinos teñen que cubrir algún tipo de formulario ao chegar? Teñen que informar a algunha dependencia (Garda Civil, Concello…) das persoas que están cada noite no albergue?

Os documentos que lles pedimos son o DNI ou Pasaporte e a Credencial de Peregrino.
Os datos dos peregrinos que pernoctan recollémolos nós no albergue e pásase un informe á policía nacional. O albergue de Lugo, de feito, foi pioneiro nisto de mandar datos.
Podo contarvos unha anécdota en realción con isto. Nunca ocasión chegou un inspector de policía preguntando por un peregrino en concreto, un siciliano de arredor de vinte anos. Tiña unha orde da Europol de busca porque a súa familia levaba un mes sen saber nada del. Ao final localizámolo no albergue de S. Román.

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer